Comentarios sobre as obras do concerto-presentación da Asociación Un rato no tubo

COMENTARIOS CONCERTO-PRESENTACIÓN UN RATO NO TUBO

 

O órgano é unha máquina moi sofisticada, con máis de 20 séculos de existencia. O repertorio de obras escritas para el abrangue un arco de tempo de cincocentos anos, quizais por iso foi denominado “o rei dos instrumentos” porque soubo non só manterse, senón tamén medrar e adaptarse aos cambios da historia. O órgano, con coidados e mantemento axeitados, permanecerá aquí, aínda que nós xa non vivamos.

Na música académica europea, o órgano contou con grandes compositores ao que destinaron obras célebres, sobre todo na época barroca, a “idade de ouro” deste instrumento. Destaca o aporte de Johan Sebastian Bach, no século XVIII, e Olivier Messiaen, no século XX.

Na actualidade, tamén os compositores outórganlle un papel importante abrindo novos horizontes, non só para a composición clásica senón tamén, e con grande éxito e calidade, para bandas sonoras de películas, (Piratas do Caribe), musicais (O fantasma da ópera) e un importante número de videoxogos.

 

O órgano de Santa Eufemia é de estilo moderno-romántico

É un instrumento pequeno, pero cun fermoso son, que ofrece moitas posibilidades de combinacións sonoras.

Ten dous teclados manuais de 56 notas e un teclado para as notas que se tocan cos pés (pedaleiro), con 30 notas. Foi construído en 1913 pola prestixiosa casa alemana Walcker&Co. É o Opus 1784 de dita empresa. Daquela, pagáronse por el 130.000 pesetas.

O primeiro teclado ten 7 rexistros e chámase PRINCIPAL, por ser o que máis forza de son ten e ao que se lle acoplan os demais teclados para realizar crescendos de son.

O segundo teclado ten cinco rexistros e chámase “recitativo”. O recitativo trátase dun corpo con timbres diferentes aos do Teclado Principal e acostuman a estar recollidos nunha caixa cunha celosía, ou persiana, que o organista abre e pecha voluntariamente co pedal de expresión, e que lle permite realizar reguladores organísticos para conseguir efectos que contribúan á expresividade da música.

 

1.- Gabriel Pierné (1863-1937)

 

O compositor francés Gabriel Pierné foi alumno de Massenet e César Franck, no Conservatorio de París, onde tivo como compañeiro a Claude Debussy. Aos 27 anos sucede a César Franck, o seu venerado mestre na igrexa de Santa Clotilde de París durante 39 anos, ata a súa morte.

 

Como alumno de Cesar Franck, Pierné non podía ignorar o instrumento ao que o seu mestre consagrou tantos anos de dedicación. A súa obra organística é, sen embargo, modesta en extensión en comparación co seu copioso catálogo: Tres pezas, datadas en 1893; un Coral, de 1907 e unha Fuga, composta en 1912.

 

A obra elixida deste compositor é o Preludio en Sol menor. Trátase dunha páxina breve na que Pierné compón un elegante preludio a modo de perpetuum mobile, de acordes arpexados onde a nota máis aguda de cada un deles vai formando a melodía, rica en expresividade e soño impresionista.

 

Comeza a obra con todos os teclados unidos e a porta de expresión pechada para conseguir un son escuro. Pouco a pouco, vanse engadindo máis rexistros para lograr un crescendo que chegará ao final da obra co emprego de case todos os rexistros do órgano tanto nos teclados manuais como no pedaleiro.