AUDICIÓN
Antes da segunda peza, continuamos explicándolles outra característica do órgano de tubos.
No instrumento órgano, a transmisión do son entre a tecla e o tubo ten dúas formas de realizarse: mediante transmisión mecánica e mediante transmisión neumática.
Na transmisión mecánica, hai un sistema de variñas de madeira articuladas e engrenaxes entre a tecla e o tubo, que permiten unha resposta inmediata. Cando se toca unha tecla soa inmediatamente o tubo. Este sistema empregouse nos órganos ibéricos desde o século XVI ata os nosos días. Ofrece un toque directo, sen retardos, e interpreta coa máxima exactitude a pulsación e o son. Facilita a interpretación de obras do período renacentista e barroco.
Son de transmisión mecánica os órganos do Mosteiro de San Rosendo en Celanova e o da Igrexa de Santa María A Real de Xunqueira de Ambía.
O órgano de Santa Eufemia ten transmisión neumática.
Este tipo de transmisión foi inventada a principios do século XX. É un sistema no que se coloca unha válvula de aire entre a tecla e o tubo que fai que a resposta da tecla non sexa tan rápida e o son tarde un chisco en saír polo tubo. Utilízase para a interpretación de obras do período romántico.
2.- J. S. Bach 1685-1750. Coral de Leipzig. Schmücke dich liebe Seele BWV 654 (Adórnate, alma miña).
Obra escrita para dous teclados e pedal.
Bach compuxo a meirande parte da súa música para órgano entre 1700 e 1717, desde o 15 aos 32 anos, cando traballaba como organista en Mühlhausen e Weimar. A súa obra para órgano supón un aporte crucial aos avances técnicos e interpretativos deste instrumento. O autor explorou ao límite as capacidades do órgano do seu tempo, creando sons e efectos ata ese intre nunca escoitados, investigando e mellorando os recursos, a execución e levando ao cénit as posibilidades que, daquela, podería ofrecer o instrumento.
Da recopilación dos denominados 18 corales de Leipzig, o nº 4 é un dos máis emocionantes e tamén un dos máis célebres. A melodía, na voz de soprano, aparece magnificamente ornamentada como resposta ao título do coral: Adórnate, alma miña.
O coral é a forma vocal polifónica máis representativa da igrexa cristiá protestante. Este coral é para o momento da comuñón e di:
Adórnate, alma miña, deixa as escuridades do pecado e vén á luz que brilla. Comeza a lucir con magnificencia posto que o Señor, cheo de gracia, quérese hospedar na túa casa. El, que non cabe no ceo, quere atopar sitio no teu corazón.
Na rexistración de este belísimo coral, utilizarase para a voz que canta a melodía principal, un rexistro denominado “frautado de 8 pés” que é o son principal do órgano e sobre o que se constrúe todo o soporte harmónico. Representa a voz humana que canta o seu abraio ante a petición divina.
AUDICIÓN
3.- Tocata en Re menor.
Aínda que non é unha obra axeitada para interpretar neste órgano de Santa Eufemia pola lentitude de resposta ao toque, debido á transmisión neumática da que antes falabamos, quixemos que non faltase neste concerto-presentación unha das obras que identifican o órgano como instrumento de grande forza sonora e espectacularidade.
Famosísima obra de J.S.Bach composta na súa xuventude, case probablemente despois de escoitar en directo a música do seu admirado Buxtehude en Lübeck.
A tocata, esa forma musical que precede á fuga, de carácter libre e improvisatorio, é breve e impetuosa. Quizais por isto estaría composta para o domingo de Pentecostés: “De súpeto, escoitouse un forte vento que invadiu toda a casa e pequenas linguas de lume pousáronse sobre cada un deles.”
Comeza a tocata con tres chamadas fulgurantes, violentas, audaces, que cimbran as naves da igrexa. Logo veñen as notas arpexadas sobre un acorde de 7ª diminuída sobre a nota tónica no pedal, formidable golpe de xenialidade dun novo e prodixioso organista. O autor explora baixo de varios xeitos este acorde de 7ª diminuída, aínda descoñecido na época: arpexos sobre a fundamental e, acontinuación, as subidas e baixadas. Despois de 300 anos, esta obra arrepíanos e segue producindo en todos os públicos que a escoitan, o mesmo estupor e abraio
