Concerto homenaxe en lembranza de Antón Abilleira e Mons. José Álvarez – Igrexa de Fátima

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

O vindeiro mércores, 15 de maio, na parroquia de Fátima (O Couto), ás 19:30 h,  terá lugar un concerto de órgano en homenaxe a quen foi párroco durante moitos anos, Mons. José Álvarez, e ao organista titular da parroquia, Antón Abilleira, que faleceron hai 25 anos. O labor destas dúas persoas en favor do órgano e do seu emprego na liturxia habitual foi encomiable. Por iso, a nosa asociación quere colaborar, xunto coa parroquia, neste evento e, Irma Fernández (organista do Santuario) e Marisol Mendive darán ese concerto, xunto co organista Juan José Rumbao.

PROGRAMA:
Programa Abelleira 2

Historia del órgano español. Las mil y una claves de su evolución (888-1888) – Fernando Gonzalo Azpeitia

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

Fernando Gonzalo Azpeitia, químico, profesor de secundaria, titulado superior en piano e órgano e concertista publicou o libro Historia del órgano español. Las mil y una claves de su evolución (888-1888), que ofrece en descarga de balde premendo nas ligazóns que ofrecemos neste artigo.

O autor amósanos as diferentes evolucións do órgano en Castela e Aragón ao longo do período estudado nun libro cun enfoque moi didáctico, xa que cada novo termo propio do mundo organístico que vai aparecendo é explicado de xeito sinxelo. Abundan as ilustracións e fotografías. 

Ligazón a unha versión de calidade de imaxes aceptable.

Ligazón a unha versión con imaxes de grande calidade.

Asemblea Xeral Anual Ordinaria 2024

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

De acordo cos Estatutos da Asociación, convócase ás persoas asociadas á Asemblea Xeral Anual Ordinaria da Asociación Cultural de Amigos do Órgano Un Rato no Tubo que terá lugar o mércores 6 de marzo, ás 19,30 h. en primeira convocatoria e ás 20.00 h. en segunda convocatoria, na Sala de Tertulia do Liceo de Ourense, (entrando ao fondo),  Rúa Lamas Carvajal, 5, Ourense, para informar, deliberar e adoptar os acordos que procedan, con arreglo á seguinte orde do día:

Orde do día da Asemblea Xeral Ordinaria Anual

  1. Lectura e aprobación da acta anterior
  2. Memoria anual
  3. Estado de contas
  4. Próximas actividades
  5. Propostas das persoas asociadas
  6. Rogos e preguntas

Reportaxe visita a Padrón, Iria Flavia e a Escravitude

O pasado sábado 6 de maio, con motivo do Día Internacional do Órgano, programouse desde a Asociación, unha viaxe para visitar tres órganos :

  • Padrón: visita ao órgano barroco do mosteiro do Carme (non soa).
  • Iria Flavia: visita á parroquia de Iria Flavia e o seu órgano barroco.
  • A Escravitude: visita ao órgano de tubos (non soa)

Tamén, dentro do programa do día, puidemos visitar a casa onde viviu Rosalía de Castro, en Padrón.

A viaxe resultou moi interesante xa que puidemos escoitar o fermoso Órgano da igrexa de Iria Flavia.

Tanto o órgano do convento do Carme como o da Escravitude, levan años abandonados, aínda que foi posible extraer algo de son debido a que funciona un chisco o mecanismo dos foles en ambos instrumentos.

Concerto Proxecto Olladas 2023

O vindeiro venres 2 de xuño, ás 20 h, na Igrexa da Universidade, na Praza de Mazarelos – Santiago de Compostela, terá lugar un concerto de órgano titulado O son do ar, pertencente ao Proxecto Olladas 2023, organizado pola Asociación Un rato no tubo e a Universidade de Santiago de Compostela.

A entrada será de balde.

As organistas Irma Fernández Alonso, Julia Ammerman Yebra, Alejandra Escolante, Rosi Vicente Álvarez, Marisol Mendive Zabaldica e o organista Roque Márquez Rodríguez, interpretarán obras de Domenico Zipoli, Antonio Martín y Coll, Johan Kaspar Kerll, Sweelinck, Antonio de Cabezón, J.B. Cabanilles, Carlos Baguer e Anónimo do XVIII.

Cartel do concerto:

Programa do concerto:

{pdf=images/pdf/PROGRAMA_PROXECTO_OLLADAS_2023.pdf|500|300|viewer}

Montserrat Torrent, Premio Nacional de Música/Interpretación 2021

Montserrat Torrent, socia de honra da nosa asociación, vén de recibir o Premio Nacional de Música/Interpretación de 2021 nun acto celebrado en Zaragoza e presidido por Súas Maxestades Os Reis de España, don Felipe e dona Letizia, o pasado 20 de febreiro de 2023.

O xurado destaca de Montserrat a súa “enorme capacidade de traballo que lle levou a abarcar ámbitos tan diversos como a interpretación, a investigación e a divulgación, sendo unha das intérpretes en activo máis lonxevas do mundo”. Ademais, destaca o seu labor como docente e a súa capacidade para crear unha escola que inspirou a novas xeracións de organistas durante décadas.

Queremos felicitar á nosa socia, a quen podemos considerar “fundadora” da asociación, xa que o seu excelente labor docente cristalizou no CMUS de Ourense da man da profesora Marisol Mendive, a nosa presidenta.

Estas fotografías dan fe do acto celebrado. Nelas, podemos ver a outro dos nosos socios de honra, o profesor e organista José Luis González Uriol, acompañando a Montserrat.

Actividade Visita a Iria Flavia – Padrón – 6 de maio

Queridos amigos:

Na última asemblea xeral do 23 de febreiro, tomouse a decisión de retomar as viaxes para seguir coñecendo o patrimonio organistico de Galicia. En concreto falouse de ir a Padrón, lugar onde viviu os últimos anos da súa vida e faleceu Rosalía de Castro

Alí está o órgano da Igrexa de Iria Flavia, restaurado pola Fundación Fenosa e activo para a liturxia e para os concertos, e dous máis que non soan: o da Escravitude e o do convento da Carmen en Padrón. Ambos de estilo barroco.

Recentemente decatámonos de que desde Francia se impulsa como o día internacional do órgano de tubos o 6 de maio. Por ese motivo decidimos organizar ese día a excursión para coñecer ese tres instrumentos e tamén a casa de Rosalía.

Como xa fixemos outros anos cos órganos de Ribadavia, San Clodio… este ano volvemos facer unha denuncia amable do patrimonio esquecido e abandonado de dous órganos, á vez que gozamos doutro precioso órgano que si que soa, o de Iria Flavia.

O programa sería o seguinte:

PROGRAMA VIAXE ASOCIACIÓN RATONOTUBO

DATA:

Sábado día 6 de maio, día mundial do Órgano

Horario aproximado: de 11.00h a 19.00h

VISITAS:

Visitar os órganos de:

Pola mañá:

· Padrón: visita ao órgano barroco do mosteiro do Carme (non soa)

· Iria Flavia: visita á parroquia de Iria Flavia e ao seu órgano

· A Escravitude: visita ao órgano de tubos (non soa)

Pola tarde (aprox.16,30h)

· Visita á casa de Rosalía de Castro

VIAXE:

En coches particulares. Se alguén necesita coche, que nolo comunique e tentaremos organizar para ir en coches con outras persoas.

Comida:

1º opción: menú pechado de 15.00 € no restaurante do hotel Scala:

– Primeiro prato: ensaladilla rusa

– Segundo prato: polo asado

O prezo inclúe viños, auga e café. Non inclúe cervexas nin refrescos.

Menú infantil co mesmo prezo: Pizza e milanesa de polo con patacas.

2ª opción: tempo libre de 14.30h a 16.30h (aprox) para comer onde cada un queira.

Teléfono de contacto:

Marisol: 669 986 636

ratonotubo@gmail.com

Aberto o prazo até o martes 2 de maio

Órgano da Colexiata de Iria Flavia

Feliz 2023!

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Con esta ilustración realizada polo alumnado de 5ºC do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, desexámoslles un FELIZ 2023!

Atentos/as ás novidades deste ano…