Comentarios sobre as obras do concerto-presentación da Asociación Un rato no tubo

AUDICIÓN

 

Antes de escoitar a última obra, faremos unha breve reflexión sobre a situación dos órganos en Galicia, con esta coñecida frase que pode perfectamente aplicarse ao patrimonio organístico da nosa comunidade: NON SE AMA O QUE NON SE COÑECE.

A data de hoxe, contabilizáronse un total de 83 órganos de todo tipo en Galicia. Aqueles que poden ser considerados históricos, nun sentido estricto, (aplicado a instrumento e caixa) suman uns 35. Consérvanse arredor de 20 caixas históricas; unhas baleiras, outras co sistema orixinal no seu interior, outras nas que se conserva a fachada, é dicir, o moble, pero o interior, o instrumento, é totalmente novo ou desvirtuado con respecto ao que podemos supoñer que era o instrumento orixinal.

Polo que atinxe ao estado de conservación dos instrumentos, cómpre chamar a atención sobre o mal estado no que se encontran, por abandono, por falta de coñecemento sobre o seu valor ou por falta de recursos para a súa restauración. Como xa dixemos na presentación, este é un dos nosos obxectivos principais

 

 

5.- León Böellmann (1862-1897) Suite gótica

 

Compositor e organista francés. Aos 9 anos foi aceptado, polo seu grande talento musical, para estudar na École Niedermayer de París, adicada ao ensino de música sagrada. Entre os seus profesores destaca o organista Eugéne Gigout. Boëllmann finou á temperá idade de 35 anos.

Foi un consumado improvisador ao órgano, publicou unhas 65 obras, a meirande parte delas para órgano ou harmonio. Entre elas, podemos destacar a Suite Gothique e a colección de pezas para a liturxia agrupadas baixo o nome Heures Mystiques. Tamén escribiu música de cámara e para orquestra, en particular, para o violoncello, polo que sentía moito aprecio.

A obra que imos escoitar, Suite Gothique, publicouse en 1895 e está formada por catro partes de carácter variado:

1.- O Coral introdúcenos nunha atmosfera propia do Renacemento e a rexistración amósanos o son poderoso do órgano.

2.- O minueto imita un grande coro, cunha estrutura simétrica ABA.

3.- A Plegaria está chea de dozura. Nela volvemos escoitar o rexistro fundamental do órgano, chamado “frautado de 8 pés”, que reflicte o recollemento e a oración.

4.- A Tocata é moi popular: repite un tema incisivo e teimudo no pedal, percorrendo un intervalo de 5ª diminuída. Os dous teclados, o principal e o recitativo, van dialogando ata chegar a un progresivo crescendo que remata nun tutti final no que o pedal interpreta dobres oitavas.

 

Desexamos estean a pasar uns intres agradables escoitando a música de órgano escollida para esta ocasión. Queremos agradecerlles a súa asistencia e o seu apoio. Grazas, e aburiño!