AUDICIÓN
Chámanse rexistros aos distintos timbres que cada órgano ofrece. Pódese dicir que dan ao órgano a “cor” axeitada para cada obra que se vai interpretar. O organista debe decidir en cada momento que rexistro é o máis conveniente para extraer do instrumento e facer que a obra que se está a interpretar teña a súa cor tímbrica apropiada. Na música antiga e no barroco, os compositores non dicían que rexistros debían empregarse, pero cada organista sabía perfectamente que combinacións sonoras tiña que utilizar. É, a partires do Romanticismo, cando o autor especifica que é o que quere das súas obras e que son deben ter.
Así como nunha orquestra o director vai dando a entrada ás distintas familias que hai dentro da mesma (vento madeira, metal, corda, percusión), o organista vai elixindo os distintos sons ao longo da obra que está a interpretar.
Pódese dicir que o órgano é, en si mesmo, unha orquestra capaz de producir innumerables e variadas combinacións sonoras. Coa sabia combinación de todos estes rexistros ou timbres, constrúese unha pirámide sonora que vai desde os sons máis graves ata os máis agudos.
Os rexistros que corresponden ao primeiro teclado do órgano de Santa Eufemia son 7:
Órgano Principal
1.- Frauta harmónica 8’
2.- Principal 8’
3.- Oitava 4’
4.- Fifre 2’
5.- Cheo 2 ⅔ de 4 filas
6.-Bordón 16’
7.- Trompeta real 8’
Trémolo
Os rexistros do segundo teclado, chamado recitativo, son 5:
8.- Voz Celeste 8’
9.- Viola Orquestra 8’
10.- Cor de Nuit 8’
11.- Frauta Oitaviante 4’
12.- Voz Humana 8’
O pedal ten dous rexistros que corresponden aos sons máis graves- como nunha orquestra os contrabaixos
Pedal
13. Grande Bordón 16′
14.- Oitava Baixa 8′
Nos órganos cada rexistro ten tantos tubos como notas hai nun teclado, é dicir, 56 notas por rexistro. Se multiplicamos o nº total de rexistros polo nº de notas do teclado, dá como resultado o nº total de tubos que contén cada órgano.
¿Cantos tubos ten o órgano de Santa Eufemia?
56 teclas x 12 registros= 672
30 teclas del pedal x 2 = 60
672+60= 732 tubos
Chámase TUTTI do órgano ao máximo son que o órgano pode ofrecer. É a suma de todos os tubos sonoros do instrumento sonando á vez.
4.- Sonata a catro mans (Ramón Ferreñac 1763-1832)
Ramón Ferreñac estudiou música co seu pai no colexio de Infantes da Seo de Zaragoza onde era baixonista e oboísta da catedral. En 1783 xa figura como Mestre de Capela e organista da catedral de Huesca. En 1786 pasa a ser organista da Basílica do Pilar.
Un dos xéneros de música de órgano, pouco usual, cultivado por Ferreñac é a composición de “sonatas para órgano a catro mans”. Non existe nin un só modelo coñecido deste tipo de composicións para órgano, si para piano, por iso estas obras considéranse “exemplares únicos”.
O conxunto da obra de Ferreñac, tanto organística como vocal, revela unha seria formación académica, tanto no dominio do contrapunto, como na arte de compoñer no estilo melódico-expresivo da época. Nestas sonatas, resoa o estilo brillante da música pianística de finais do clasicismo vienés (Clementi, Czerny, Kramer). En moitas das súas obras aparecen con frecuencia xiros melódicos e rítmicos que evocan un ambiente ou carácter popular. Durante a interpretación da obra oirase o xogo contrapuntístico e imitativo entre os dous teclados, o principal e o recitativo.
