Actividade Visita ao Mosteiro de Celanova e concerto didáctico no órgano

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Concertos

Visita ao Mosteiro de Celanova e posterior concerto didáctico no órgano do coro renacentista do Mosteiro.

Día : 30 de abril 2011, sábado

Hora: 11.00h

Lugar de encontro: entrada IES Celanova, xunto ao busto de Celso Emilio Ferreiro.

PROGRAMA:

11.00h Benvida do Alcalde de Celanova, D. Antonio Mouriño

11.15h Visita á biblioteca e ao claustro do poleiro (IES de Celanova) . Profesora colaboradora: Irma Fernández Alonso. Profesora de música IES Celanova.

11.45h Visita xeral ao Mosteiro .Profesora colaboradora: Mª Jesús Candau. Catedrática de Xeografía e Historia. Profesora I.E.S As Lagoas – Ourense

13.00h Concerto de órgano. Profesora Marisol Mendive

14.30h Comida no restaurante O Muiño do Chirlo. Celanova. (Antiga estrada de Celanova a Ourense).

 

Prégase confirmación. Data: ata o luns día 25 de abril incluído.

INFORMACIÓN DE CONTACTO:
ASOCIACIÓN AMIGOS DO ÓRGANO “UN RATO NO TUBO”
unratonotubo.organourense.es
correo-e: ratonotubo@gmail.com
Tfno 669 986 636

Comentarios sobre as obras do concerto-presentación da Asociación Un rato no tubo

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Artículos

COMENTARIOS CONCERTO-PRESENTACIÓN UN RATO NO TUBO

 

O órgano é unha máquina moi sofisticada, con máis de 20 séculos de existencia. O repertorio de obras escritas para el abrangue un arco de tempo de cincocentos anos, quizais por iso foi denominado “o rei dos instrumentos” porque soubo non só manterse, senón tamén medrar e adaptarse aos cambios da historia. O órgano, con coidados e mantemento axeitados, permanecerá aquí, aínda que nós xa non vivamos.

Na música académica europea, o órgano contou con grandes compositores ao que destinaron obras célebres, sobre todo na época barroca, a “idade de ouro” deste instrumento. Destaca o aporte de Johan Sebastian Bach, no século XVIII, e Olivier Messiaen, no século XX.

Na actualidade, tamén os compositores outórganlle un papel importante abrindo novos horizontes, non só para a composición clásica senón tamén, e con grande éxito e calidade, para bandas sonoras de películas, (Piratas do Caribe), musicais (O fantasma da ópera) e un importante número de videoxogos.

 

O órgano de Santa Eufemia é de estilo moderno-romántico

É un instrumento pequeno, pero cun fermoso son, que ofrece moitas posibilidades de combinacións sonoras.

Ten dous teclados manuais de 56 notas e un teclado para as notas que se tocan cos pés (pedaleiro), con 30 notas. Foi construído en 1913 pola prestixiosa casa alemana Walcker&Co. É o Opus 1784 de dita empresa. Daquela, pagáronse por el 130.000 pesetas.

O primeiro teclado ten 7 rexistros e chámase PRINCIPAL, por ser o que máis forza de son ten e ao que se lle acoplan os demais teclados para realizar crescendos de son.

O segundo teclado ten cinco rexistros e chámase “recitativo”. O recitativo trátase dun corpo con timbres diferentes aos do Teclado Principal e acostuman a estar recollidos nunha caixa cunha celosía, ou persiana, que o organista abre e pecha voluntariamente co pedal de expresión, e que lle permite realizar reguladores organísticos para conseguir efectos que contribúan á expresividade da música.

 

1.- Gabriel Pierné (1863-1937)

 

O compositor francés Gabriel Pierné foi alumno de Massenet e César Franck, no Conservatorio de París, onde tivo como compañeiro a Claude Debussy. Aos 27 anos sucede a César Franck, o seu venerado mestre na igrexa de Santa Clotilde de París durante 39 anos, ata a súa morte.

 

Como alumno de Cesar Franck, Pierné non podía ignorar o instrumento ao que o seu mestre consagrou tantos anos de dedicación. A súa obra organística é, sen embargo, modesta en extensión en comparación co seu copioso catálogo: Tres pezas, datadas en 1893; un Coral, de 1907 e unha Fuga, composta en 1912.

 

A obra elixida deste compositor é o Preludio en Sol menor. Trátase dunha páxina breve na que Pierné compón un elegante preludio a modo de perpetuum mobile, de acordes arpexados onde a nota máis aguda de cada un deles vai formando a melodía, rica en expresividade e soño impresionista.

 

Comeza a obra con todos os teclados unidos e a porta de expresión pechada para conseguir un son escuro. Pouco a pouco, vanse engadindo máis rexistros para lograr un crescendo que chegará ao final da obra co emprego de case todos os rexistros do órgano tanto nos teclados manuais como no pedaleiro.

 

O concerto presentación. Algunhas imaxes

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

Temos catro testemuñas gráficas do Concerto-presentación da Asociación “Un rato no tubo” que se desenvolveu o pasado xoves 10 de febreiro.

A Asociación de Amigos do Órgano de Ourense “Un rato no tubo” quere agradecer a todo o público asistente a súa participación no acto de presentación e o seu interese amosado durante o mesmo. Tamén agradece as manifestacións de apoio que recibiu de numerosas persoas por diferentes medios.

Aspecto xeral do público esperando o remate do acto relixioso, antes de comezar o concerto.

Momento no que a presidenta, Marisol Mendive, realiza a presentación da Asociación.

Vista do público no templo.

Momento do concerto de órgano.

Concerto Presentación Asociación Cultural de Amigos do Órgano “Un rato no tubo”

CONCERTO-PRESENTACIÓN ASOCIACIÓN CULTURAL AMIGOS DO ÓRGANO “UN RATO NO TUBO”. OURENSE

Día: Xoves 10 de febreiro 2011

Lugar: Parroquia de Santa Eufemia do Centro. Rúa Lamas Carvajal, 9 – OURENSE

Hora: 20.00h

Organista: Marisol Mendive Zabaldica

Entrada libre

 

PROGRAMA

G. Pierné (1863-1937)

  • Prèlude

 

J.S.Bach 1685-1750)

  • Coral de Leipzig : Schmücke dich liebe Seele BWV 654 (Prepárate alma mía)
  • Tocata en re menor BWV 539

 

R. Ferreñac (1763-1832)

  • Sonata a catro mans

 

L. Boëllmann (1862-1897)

SUITE GOTICA

  • Introdución-Coral

  • Minueto gótico

  • Prière en Notre Dame

  • Toccata

Cartaz do Concerto Presentación

Asociación Cultural de Amigos del Órgano Un rato no tubo

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Presentación

A Asociación Cultural de Amigos do Órgano Un rato no tubo nace co propósito de converterse nun elemento dinamizador para a sensibilización da cidadanía en valores como a conservación, o coñecemento, a protección e a restauración do patrimonio organístico de Ourense.

Propoñémonos dar a coñecer o instrumento en si: o seu funcionamento, a súa evolución a través da historia; os principais compositores nacionais e internacionais, as formas musicais creadas para el, de onde veñen, como e con quen nacen. Coñecer os órganos da provincia, uns en activo e outros dos que só quedan restos, pero dentro do seu contexto artístico como un elemento patrimonial máis dentro do conxunto histórico e monumental.

Tamén pretendemos potenciar a interpretación e a audición da música de órgano, colaborar coa formación inicial e o perfeccionamento do organista e fomentar a creación de música contemporánea para órgano. A cooperación co profesorado de música, tanto de niveis obrigatorios como non obrigatorios, para conseguir unha formación musical o máis completa posible, é elemento salientable dentro dos obxectivos desta asociación.

No ano 2004, foi creada a especialidade de órgano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Grazas ao labor realizado pola profesora Marisol Mendive durante estes anos, un grupo de alumnos e alumnas e persoas interesadas no órgano e a súa música tomamos, en outubre de 2010, a decisión de dar un paso máis e de constituírnos en asociación cultural que nos permitirá, coa colaboración de todos, compartir estes fins e avanzar na súa consecución.