Asociación Cultural de Amigos del Órgano Un rato no tubo

A Asociación Cultural de Amigos do Órgano Un rato no tubo nace co propósito de converterse nun elemento dinamizador para a sensibilización da cidadanía en valores como a conservación, o coñecemento, a protección e a restauración do patrimonio organístico de Ourense.

Propoñémonos dar a coñecer o instrumento en si: o seu funcionamento, a súa evolución a través da historia; os principais compositores nacionais e internacionais, as formas musicais creadas para el, de onde veñen, como e con quen nacen. Coñecer os órganos da provincia, uns en activo e outros dos que só quedan restos, pero dentro do seu contexto artístico como un elemento patrimonial máis dentro do conxunto histórico e monumental.

Tamén pretendemos potenciar a interpretación e a audición da música de órgano, colaborar coa formación inicial e o perfeccionamento do organista e fomentar a creación de música contemporánea para órgano. A cooperación co profesorado de música, tanto de niveis obrigatorios como non obrigatorios, para conseguir unha formación musical o máis completa posible, é elemento salientable dentro dos obxectivos desta asociación.

No ano 2004, foi creada a especialidade de órgano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Grazas ao labor realizado pola profesora Marisol Mendive durante estes anos, un grupo de alumnos e alumnas e persoas interesadas no órgano e a súa música tomamos, en outubre de 2010, a decisión de dar un paso máis e de constituírnos en asociación cultural que nos permitirá, coa colaboración de todos, compartir estes fins e avanzar na súa consecución.