I Concurso de fotografía Un Rato No Tubo

I CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ‘UN RATO NO TUBO’

A Asociación de Amigos do Órgano “Un Rato no Tubo” de Ourense convoca o I Concurso de Fotografía coas seguintes:

BASES

1. Dos participantes. A convocatoria está dirixida a calquera persoa de calquera nacionalidade que teña a súa residencia en España.

2. Da temática. A temática do concurso está baseada no mundo do órgano, ben dende un punto de vista documental, ben dende un punto de vista artístico e libre.

3. Das obras.

a. O formato das fotografías será como mínimo de 15×21 cm, non existindo límite máximo. Admitiranse fotos en cor e en branco e negro.

b. O número de fotografías a presentar por participante estará limitada a 3. Os premios non poderán ser acumulativos.

c. As fotografías presentadas a concurso deben de ser orixinais e inéditas, é dicir, que non teñan participado en ningún outro concurso nin ter sido colgadas en ningunha web.

4. Da inscrición.

a. Cada fotografía levará un título escrito por detrás, xunto a un pseudónimo que indique ao autor. Nun sobre pechado, co pseudónimo escrito por fora, @ autor/a introducirá os datos persoais (nome e apelidos, NIF, dirección, teléfono e correo electrónico).

b. O prazo de inscrición comeza o domingo 24 de xuño e remata o domingo 30 de setembro de 2012.

c. A dirección de envío é Asociación Cultural Amigos do Órgano “Un rato no tubo” de Ourense, Rúa Celso Emilio Ferreiro nº 2, 2º B, CP: 32004, Ourense.

5. Do xurado. O xurado do concurso estará composto por membros escollidos pola directiva da Asociación de Amigos do Órgano “Un Rato no Tubo”.

6. Da visualización das obras. As obras seleccionadas serán exhibidas nun espazo público a determinar a partires da data límite de inscrición.

7. Dos premios. Entregaranse os seguintes premios.

a. Premio á mellor fotografía documental.

b. Premio a mellor fotografía artística.

Ademais, as fotografías gañadoras empregaranse nos deseños dos carteis e programas das II Xornadas de Órgano que realizará a Asociación no mes de decembro en Ourense.

8. Disposicións finais.

a. As fotografías premiadas pasarán a formar parte do arquivo da Asociación de Amigos do Órgano “Un Rato no Tubo”. O resto das fotografías poderán ser recollidas polos seus autores antes do 31 de decembro de 2012, logo do cal, as non recollidas, serán destruídas.

b. A organización do concurso resérvase o dereito a excluír todos aqueles traballos con contido obsceno, violento, sexista ou ofensivo.

c. A participación no concurso supón a aceptación das bases e do fallo do xurado.

Comisión para a restauración do órgano da Catedral de Ourense

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

Noticia publicada en La Voz de Galicia. O gran órgano da catedral será, por fin, restaurado. Para este fin o deán, Serafín Marqués, encargou a constitución dunha comisión da que formarán parte o actual organista, Manuel Rei Oleiros; a Asociación de Amigos da Catedral; o delegado diocesano de Patrimonio, Miguel Ángel González García; e a profesora e concertista de órgano, Soledad Mendive. A intención é pór o instrumento musical en mans dun experto para conseguir devolverlle todo o seu esplendor en son.

Marqués di que xa dispoñen de orzamento e este, segundo el, non excede os 100.000 euros. O órgano necesita unha posta a punto dadas as súas deficiencias que o paso dos anos, o uso e algunhas restauracións pouco afortunadas deixaron nos seus tubos e demais elementos.

Máis información aquí.

Un ano de Un Rato no Tubo

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

O 11 de febreiro de 2012 cúmprese un ano da presentación da nosa asociación Un Rato No Tubo. Un ano no que, con moito entusiasmo, ganas e dedicación, tentamos empezar a cumprir parte dos obxectivos que nos propuxemos, que se resumen en achegar aos nosos asociados e público en xeral o órgano, o seu mundo e a súa música dun xeito ameno, didáctico e interdisciplinar poñendo en valor o patrimonio organístico ourensán.

A nosa web é unha mostra viva das actividades desenvolvidas. Nesta presentación, realizada por Irma Fernández e que foi a memoria anual presentada na asemblea xeral anual de socios celebrada no mes de decembro de 2011, resumimos este traballo.

XXII Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

XXII Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía

Domingo 14, 21 e 28 Agosto de 2011

Colexiata Santa María A Real

Xunqueira de Ambía. Ourense

Hora: 20.00h.

Entrada libre

Organiza e patrocina: Concello Xunqueira de Ambía

Domingo 14 de Agosto

Javier Simó e Marisol Mendive

Trompeta e Órgano

En programa obras de G.H.Stölzel, G.F.Haendel, H.Purcel y P.Bruna

Domingo 21 de Agosto

Ars Anterga: Ilduara Perianes-Juan Manuel Vázquez e Irma Fernández

Voz, Vihuela e Órgano

Cantigas de Amigo e Cantigas de Alfonso X O Sabio

Domingo 28 de Agosto

Grupo de Música Antiga 1500

Música Renacentista para Voz, Organeto, Corda e percusión antiga.

Programa: Os trovadores: a súa música e influenzas.

O concerto presentación. Algunhas imaxes

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

Temos catro testemuñas gráficas do Concerto-presentación da Asociación “Un rato no tubo” que se desenvolveu o pasado xoves 10 de febreiro.

A Asociación de Amigos do Órgano de Ourense “Un rato no tubo” quere agradecer a todo o público asistente a súa participación no acto de presentación e o seu interese amosado durante o mesmo. Tamén agradece as manifestacións de apoio que recibiu de numerosas persoas por diferentes medios.

Aspecto xeral do público esperando o remate do acto relixioso, antes de comezar o concerto.

Momento no que a presidenta, Marisol Mendive, realiza a presentación da Asociación.

Vista do público no templo.

Momento do concerto de órgano.